domingo, 22 de enero de 2012

Ladrón e Familia, o espectáculo


Ladrón e Familia é unha adaptación de Teatro do Astracán de Non Hai Ladrón Que Por Ben Non Veña do dramaturgo italiano Darío Fo, Premio Nobel de Literatura de 1997.

Primeiro espectáculo desta compañía de recente creación que quere ser unha tarxeta de presentación do estilo que pretendemos desenvolver: un humor fresco, sinxelo e moi directo, principalmente comedia de enredo.

Ladrón e Familia é un espectáculo cómico a partir dos conflictos que se desenvolven na casa dun matrimonio acomodado cando se atopan cun ladrón un chisco torpe no salón da súa casa. Maridos, mulleres, as súas amantes, ciumes e malentendidos son os ingredientes deste menú de enredo no que nada é o que semella. Os líos amorosos dos nosos protagonistas, as medias verdades, as mentiras, as visitas inoportunas, as falsas apariencias e as múltiples referencias cinematográficas e televisivas aportan aínda máis comicidade a unhas situacións xa de por si cómicas por ridículas e, sobre todo, comprometidas.

Todo elo presentado por unha serie de personaxes aloucados e desquiciados, clásicos pero tamén moi actuais, cunha alta dose de autoparodia e cos que o público se sinte moi identificado. 




Teatro do Astracán, a compañía


TEATRO DO ASTRACÁN nace a partir do traballo desenvolvido por Francisco Rei ao fronte da Escola de Teatro da Asociación Artística de Cuntis. Tras sete anos de formación continuada, diversos monográficos en técnicas básicas como improvisación, clown, interpretación dramática ou movemento escénico e seis montaxes teatrais amadores, parte dos alumnos e alumnas dos grupos adulto e xuvenil da devandita Escola de Teatro deciden dar un paso cara a súa profesionalización dentro da escena galega e irrompen con forza e ilusión con esta súa primeira producción cómica.

Francisco Rei é o director artístico de Teatro do Astracán. É membro de Os Sete Magníficos máis Un, Produccións Acontrabutaca e Bagunça Teatro e monitor teatral especializado en clown. Con estas compañías e desde 2001 ten participado en 15 espectáculos profesionais. Como mestre, é responsábel da Escola de Teatro da Asociación Artística de Cuntis desde 2004 e da Aula de Teatro Municipal de Teo desde hai catro anos. Ademais, imparte regularmente cursos de iniciación ao clown.

Para esta primeira produción contouse coa dirección de Evaristo Calvo, recoñecido director, actor e dramaturgo da escena galega e estatal contemporánea. 50% de Mofa e Befa, promotor de Producións Excéntricas, presente na maioría das producións audiovisuais galegas ...

O elenco deste espectáculo está encabezado polo actor, clown, cómico e contacontos Pedro Brandariz, membro de Os Sete Magníficos máis Un, habitual de espazos televisivos como Luar ou a teleserie Para Mariñeiros Nós, presentador da última gala dos premios María Casares e cunha ampla experiencia como monologuista.

Saleta Fernández e Fran Campos, formados na Escola de Teatro da Asociación Artística de Cuntis, participaron en Co Voso Conto, espectáculo para público xuvenil en torno á prevención da drogodependencia. Fran Campos é actor da compañía Acontrabutaca (Frantasmas), mologuista cómico e ten participado en diversas series e programas de televisión, como Luar ou Libro de Familia.

Completan o reparto Rogelia dos Outeiros, Alberte Torres e Abrahán Sande, igualmente alumnos e alumnas da Escola de Teatro da Asociación Artística de Cuntis que xa contan cumpla ampla traxectoria no circuito teatral non profesional galego.