Ladrón e Familia é unha adaptación de Teatro do Astracán de Non Hai Ladrón Que Por Ben Non Veña do
dramaturgo italiano Darío Fo, Premio Nobel de Literatura de 1997.
Primeiro espectáculo desta compañía
de recente creación que quere ser unha tarxeta de presentación do estilo que
pretendemos desenvolver: un humor fresco, sinxelo e moi directo, principalmente
comedia de enredo.
Ladrón e Familia é un espectáculo cómico a partir dos
conflictos que se desenvolven na casa dun matrimonio acomodado cando se atopan
cun ladrón un chisco torpe no salón da súa casa. Maridos, mulleres, as súas
amantes, ciumes e malentendidos son os ingredientes deste menú de enredo no que
nada é o que semella. Os líos amorosos dos nosos protagonistas, as medias
verdades, as mentiras, as visitas inoportunas, as falsas apariencias e as
múltiples referencias cinematográficas e televisivas aportan aínda máis
comicidade a unhas situacións xa de por si cómicas por ridículas e, sobre todo,
comprometidas.
Todo elo presentado por unha serie de
personaxes aloucados e
desquiciados, clásicos pero tamén moi actuais, cunha alta dose de autoparodia e
cos que o público se sinte moi identificado.